PODCAST. Esther Vázquez, de libreira e deportista a escritora e monitora de ioga

Pontevedra
25 de abril 2025

Esther Vázquez é monitora de ioga. Ademais da práctica desta disciplina tamén escribe. O cuarto dos manuais que publica presentarao este próximo sábado 26 no Liceo Casino de Pontevedra

Esther Vázquez Mónica Patxot

Antes de chegar ao ioga Esther Vázquez practicaba multitude de actividades deportivas. Empezou como ferramenta para a recuperación física. Disto hai once anos "e atrapoume enseguida", di.

En 2020, xa instalada en Galicia, a súa contorna empezou a pedirlle que lles guiase nesta práctica durante o confinamento. Empezou tamén a formarse. Actualmente, imparte clases de forma presencial e tamén online a través de YouTube.

O ioga ten múltiples variantes, ioga restaurativo, dinámico, somático, prenatal, oncolóxico... "como é moi aberto, hai moitos métodos dentro do Ashtanga Ioga". Isto leva que quen queira empezar deba saber como está o seu corpo "e a partir de aí que método vaiche mellor e tamén que conexión ten co profesor ou profesora".

Esther Vázquez imparte Ashtanga Ioga e Yin Ioga. O segundo método "é dos máis pausados e restaurativos" e recoméndase para todas as persoas, tanto moi deportistas como persoas con patoloxías. Os beneficios chegan "a todos os niveis, físico, mental e espiritual" afirma.

Outra das súas facetas é a escritura. Durante un tempo foi libreira, así que como lembra no podcast 'Cara a cara', coñece o sector. As súas primeiras publicacións, sempre autoeditada, foron de títulos de fantasía, e con '5 claves para practicar e ensinar Yin Ioga integral' suma catro manuais.

Os anteriores son máis prácticos que este último, que é máis teórico. Comeza tratando de explicar "como entender o corpo desde a propia anatomía", segue cos límites do corpo na práctica do ioga e na vida diaria, aprender a "observarnos", a permanencia nas posturas con consellos para practicar e un capítulo para ensinar ioga.

Ademais inclúe unha innovación no método de Yin Ioga "que adoita ser un método que se practica a maiores doutro. Atopábame que había alumnos que só querían practicar este e vía que era necesario implementar catro estadíos".

Preséntao este próximo sábado 26 de abril no Liceo Casino de Pontevedra ás 12.00 horas, onde ademais realizará unha práctica adaptada a todas as persoas que acudan.

Ministerio de Cultura. Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da LecturaMinisterio de Cultura