PODCAST. Os faladoiros taurinos das 'Conversas na Ferrería' sacan os seus panos azuis e verdes

Pontevedra
01 de xullo 2026

Afeccionados veteranos e a afección máis nova reúnense un ano máis en PontevedraViva Radio para falar da Feira da Peregrina, de touros, toureiros, outras feiras e de relatos que ocultan ou distorsionan a realidade da tauromaquia

Paula Losada, Juan Riveiro, Raúl Martínez e Alejando Calvo nas 'Conversas na Ferrería'
Paula Losada, Juan Riveiro, Raúl Martínez e Alejando Calvo nas 'Conversas na Ferrería' / PontevedraViva

Chegados os meses estivais o podcast 'Conversas na Ferrería' dedica varios episodios á afección taurina con motivo da celebración da Feira da Peregrina.

O primeiro destes programas da tempada chega tras coñecerse os nomes de toureiros e gandarías que conforman os carteis para o 8 e 9 de agosto.

Volven sentar ante os micrófonos de PontevedraViva Radio varios afeccionados. Raúl Martínez, da Peña Miura, Alejandro Calvo e Juan Riveiro, presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra.

Participa por primeira vez Paula Losada, da Peña La Montera, visibilizando o crecente número de mozos que se suman á afección taurina sen que Pontevedra sexa unha excepción.

Dato que confirman con cifras: "este ano inscribíronse catorce peñas de mozos; peñas que ademais son grandes, hai peñas de máis de trinta persoas. Quero dicir, son moita xente nova que optou por apoiar, axudar e por remar todos xuntos, que é o que falabamos antes. Agora hai máis de mil peñistas dentro da Coordinadora". Riveiro fala ademais da próxima becerrada prevista para este sábado 4 de xullo.

Achegan as súas opinións sobre o contido da Feira pontevedresa ou doutros aspectos da mesma, - na que resultan críticos -, e que incumben ás datas de presentación ou ao feito de que non haxa un terceiro festexo, como si sucedeu a edición pasada. A cita de presentación do pasado sábado 27 tamén dá pé para falar sobre a xestión do éxito e en relación ás palabras que Diego Urdiales expuxo no seu transcurso.

Saíndo da cita de agosto, os tertulianos tamén comentan aspectos xerais do sector, como o estado das gandarías bravas na presente tempada, as masivas cifras de espectadores ante corridas de touros televisadas e nas propias prazas, ou o uso da mentira para "construír o relato", no tema taurino concretamente.

Terminando e enlazando con esa "construción do relato" unha alegación a favor da Xeración do 27 na súa totalidade xa que desde algúns discursos oficiais está a apartarse a homes e mulleres que, desde diferentes disciplinas artísticas, formaron parte daquela Xeración. Un deles Ignacio Sánchez Mejías.