Podemos propón a creación dunha casa de baños pública en Pontevedra

Pontevedra
13 de abril 2023

Luisa Lores, candidata á alcaldía da cidade pola formación morada, considera "indispensable" a posta en marcha deste proxecto e denuncia as eivas da cidade en materia de accesibilidade e a necesidade de poñer ás persoas no centro das políticas municipais

Presentación de María Luisa Lores como cabeza de lista de Podemos ás eleccións municipais PontevedraViva

Luisa Lores, candidata de Podemos á alcaldía de Pontevedra, considera "indispensable" a posta en marcha dunha casa de baños pública na cidade. Asegura que "este servizo será 100% público, de titularidade municipal e sen ningún tipo de concesión a empresas privadas, así como totalmente gratuíto para a cidadanía”.

O proxecto, segundo a formación morada, disporía de baños e duchas autolimpables e de cambiadores adaptados para persoas con diversidade funcional. Así mesmo, tamén deberá estar equipado de máquinas de lavado e de secado.

A médica de profesión apunta a necesidade de impulsar "un modelo de cidade accesible" xa que asegura que o Concello está máis preocupado polas cuestións estéticas, e a cidade ten graves carencias en materia de accesibilidade.

A candidata de Podemos Pontevedra pon o foco tamén na necesidade de que estes baños estean adaptados para persoas ostomizadas, cun inodoro especial e un mesado e luz frontal permanente sen sensor de movemento.

Este servizo, segundo explica o partido, disporía dunha persoa ao seu cargo durante o seu horario de apertura para o seu mantemento e coidado e tamén para asistir aos usuarios con maiores dificultades. A súa localización sería nun lugar céntrico e aberto e de plena accesibilidade, engade a formación morada.

Lores insiste en que "non hai escusa para non seguir o modelo de moitas cidades europeas que xa recuperaron este espazo con éxito". Por iso, a formación morada reivindica esta proposta como un servizo esencial á poboación e que pon as persoas e as súas necesidades no centro das políticas públicas que, segundo indican, deben rexer no Concello.