Podían os bares abrir ata a 1 da madrugada a última fin de semana?

Pontevedra
09 de xuño 2021

A Policía Local de Pontevedra detalla que o acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, publicado o día 5 no BOE, que recollía as novas restricións de horario para bares ata a 1 da madrugada non chegou a entrar en vigor. Aínda así, ningún destes locais foi sancionado por non pechar as súas portas ás 23 horas

Clientes con máscara en terrazas da hostelería en Pontevedra
Clientes con máscara en terrazas da hostelería en Pontevedra / Cristina Saiz

A publicación do BOE con novas restricións sobre os horarios da hostalería a nivel estatal provocaron un caos no sector hostaleiro da cidade a pasada fin de semana. As informacións contraditorias, os problemas de comunicación e as dificultades para entender a linguaxe administrativa acabaron por provocar múltiples interpretacións das normas que se traduciron en que cada bar decidiu pechar á hora que lle parecía correcta.

Seguindo as directrices da Xunta, uns seguiron facéndoo ás 23 horas. Mentres que outros, tomando como referencia o publicado no BOE e o publicado pola ampla maioría dos medios de comunicación, optaron por ampliar o seu horario ata a 1 da madrugada. En calquera caso, confirman desde a Policía Local que ningún bar foi sancionado esta fin de semana por incumprir o horario de peche. Salvo un establecemento no que había xente consumindo bebidas alcohólicas no interior, coa porta pechada e pasada a 1.00 da madrugada.

Recoñecen desde a Policía Local de Pontevedra a confusión xerada esta pasada fin de semana pola publicación do BOE do sábado cos cambios horarios. Con todo, puntualizan que non chegou a entrar en vigor e que seguía rexendo a normativa anterior pola que os bares debían pechar ás 23 e os restaurantes ás 1.00 horas.

Aínda así, a incerteza xerou tensión no sector. As consultas entre compañeiros foron constantes durante toda a xornada do sábado, moitos contactaron directamente coa Policía Local e Nacional, mesmo con traballadores das diferentes administracións para resolver dúbidas. Algo que non acabaron de lograr posto que os discursos eran contraditorios. "Nós decidimos manter a hora de peche ás 23 horas pero porque non nos deu tempo a organizar o persoal, pero dixéronnos que podiamos abrir ata a 1", sosteñen no Merry's.

Outro local situado na contorna do Teatro Principal si que permaneceu aberto ata a 1 da madrugada convencidos de que a recente publicación do BOE avalaba a súa decisión.

"As noticias eran moi confusas", recoñecen na Gramola. Os propietarios dun dos locais de moda da zona vella estaban convencidos de que a normativa que imperaba a pasada fin de semana non cambiara. "Eu xa me volvín unha experta no BOE e no DOG", confesa con humor a propietaria deste bar, que lamenta que a falta de claridade na lexislación podería "crear guerras entre nós porque un abre ata unha hora e outro ata outra".

Unha proba de que os novos horarios non estaban en vigor a pasada fin de semana está en que o lecer nocturno, que segundo o documento aprobado polo Ministerio de Sanidade podería abrir ata as 3 da madrugada, permaneceu pechado e á espera das conclusións da proba piloto que se celebrará este sábado en seis locais repartidos polas catro provincias galegas. A Pomada é o elixido en Pontevedra.

O sector espera que toda esta confusión quede resolta esta semana. O comité clínico reúnese este mércores e a hostalería de Galicia espera noticias claras e unívocas sobre aforos e horarios que deben aplicar nos próximos días.