Poio acomete actuacións na Biblioteca de Campelo e nos contedores de todo o municipio

Poio
17 de marzo 2023

As obras na biblioteca municipal consistes na dotación dun elevador e a mellora da accesibilidade. No caso dos contedores, trátase dos labores habituais de mantemento e limpeza

O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás, asiste á limpeza dos contedores de Poio
O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás, asiste á limpeza dos contedores de Poio / Concello de Poio

Nos últimos días deron comezo os traballos para a instalación dun elevador na Biblioteca de Campelo, na parroquia de San Xoán de Poio. As concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas visitaban este xoves as instalacións para pasar revista á obra, que conta cun orzamento de 71.799,17 euros.

A actuación consiste na dotación dun elevador, que se emprazará na parte posterior do inmoble, e unha rampla de acceso desde a vía pública. As melloras tamén afectarán aos aseos, que pasarán a contar con todas as características necesarias para garantir o seu uso para persoas que padezan problemas de mobilidade. 

A concelleira de Cultura indicaba que estes traballos non impedirán a actividade habitual da biblioteca municipal, que continuará ofertando servizos de préstamo de libros e material audiovisual no seu horario habitual, de 16.30 a 19.30 horas. Tamén o alumnado da Escola de Música e da Escola de Acordeóns poderá seguir desenvolvendo as súas clases na planta baixa.

CONTEDORES DE LIXO

A empresa Valoriza, a responsable da xestión de residuos e recollida do lixo no concello de Poio, está realizando a limpeza e posta a punto dos contedores repartidos por todo o termo municipal. O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás, supervisaba este xoves as tarefas de limpeza que se levaron a cabo no lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro.

Para este tipo de actuacións, que se realizan de xeito periódica, os operarios utilizan un camión especializado e un equipo de hidrolimpeza de alta presión. No que vai de semana xa se procedeu á limpeza duns 200 contedores, aproximadamente, do total de 600 que contabiliza o ámbito xeográfico de Poio.