Poio adxudica o servizo de limpeza en camiños municipais

Poio
13 de xullo 2022

Un total de dez empresas participaron no proceso de licitación. Finalmente, a mellor oferta foi a presentada por Juan José Martínez, que asumirá a realización dos cinco lotes nos que se divide o proxecto

Traballos de roza nos camiños rurais de Ponte Caldelas
Traballos de roza nos camiños rurais de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Poio vén de adxudicar o servizo de limpeza en camiños municipais. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, informou que trátase dunha xestión que ten coma obxectivo poder cumprir e dar cobertura ás necesidades que requiren estes traballos, de xeito que se poidan levar a cabo de xeito periódico. 

Un total de dez empresas participaron no proceso de licitación. Finalmente, a mellor oferta foi a presentada por Juan José Martínez, que asumirá a realización dos cinco lotes nos que se divide o proxecto, e nos que se agrupan todas as vías públicas nas que se acometerán estas labores ao longo das cinco parroquias do municipio. 

En total, o orzamento ascende a máis de 204.000 euros. 

O titular de Medio Ambiente sinala que a Xunta de Goberno xa deu o visto bo á adxudicación, polo que, unha vez estea asinado o contrato, os traballos darán comezo xa neste mesmo verán. 

En total, a adxudicataria actuará ao longo de 300 quilómetros de extensión, toda vez que se contemplan dúas pasadas por camiño (154 quilómetros por quenda). Os traballos consistirán na corta e limpeza das cunetas dos camiños municipais, incluíndo a retirada de maleza e a poda e posta a punto de árbores e setos. 

Xosé Luís Martínez salienta os beneficios desta xestión, xa que a contratación permitirá "que se poida levar a cabo este tipo de tarefas de xeito regular e periódico, algo que é especialmente necesario nesta época do ano". Ata o de agora, estes traballos eran asumidos por persoal municipal.

"Poio conta cunha superficie que chega aos 34 quilómetros cadrados", lembra Martínez Blanco, e, dada a súa dispersión, "era necesario garantir que estes traballos poidan ser realizados de xeito habitual e non puntual".