Se hai algo que quere saber todo Poio é a identidade do novo millonario ou millonaria que hai entre os seus veciños. É a persoa que foi agraciada con 2,4 millóns de euros no sorteo da Bonoloto celebrado este luns.
O seu boleto, selado no despacho situado na Avenida da Praia, en Lourido, foi o único que logrou acertar os seis números da combinación gañadora deste sorteo.
Os números 3 - 4 - 6 - 11 - 12 - 32 foron os que trouxeron a sorte á súa apostante.
Non é a primeira vez que este establecemento, rexentado por María Rosa Rey, dá un gran premio. En 2018 xa repartiu 783.460 euros nun sorteo da Primitiva.
"Estou moi contenta, coma se me tocara a min", explicou María Rosa a PontevedraViva, que recoñece que "non durmín en toda a noite" pensando en quen sería o afortunado.
Aínda que non o sabe de certo, sospeita que é alguén da zona "porque onte foi festivo e non selei moito". Que lle tocara a un veciño ou veciña "alégrame aínda máis", engade.
Aos seus 70 anos, a loteira espera que "non haxa dous sen tres" e pronto poida repartir outro premio millonario. Confía en que sexa antes da súa ansiada xubilación.