Poio amplía o seu parque móbil cun camión lixeiro con guindastre

Poio
04 de xullo 2017

Con este vehículo, Poio poderá seguir ampliando de maneira considerable o seu parque móbil, pois este camión súmase aos outros catro vehículos que recibiu o municipio pontevedrés o pasado mes de abril

Entrega dun camión lixeiro ao Concello de Poio
Entrega dun camión lixeiro ao Concello de Poio / Deputación de Pontevedra

A Deputación entregoulle ao Concello de Poio un camión lixeiro con caixa basculante e guindastre de 3.500 quilos que foi mercado ao abeiro do Plan Concellos. Está valorado en 47.000 euros.

Con este vehículo, Poio poderá seguir ampliando de maneira considerable o seu parque móbil, pois este camión súmase aos outros catro vehículos que recibiu o municipio pontevedrés o pasado mes de abril.

No acto de entrega do novo vehículo, o deputado provincial David Regades sinalou que esta incorporación ao parque móbil suporá un "importante beneficio" ao Concello de Poio posto que precisaba unha renovación.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, a institución provincial xa aprobou para Poio un investimento de case 980.000 euros, empregados na estabilización do muro de contención da estrada e na continuación do paseo litoral de Campelo, a renovación de servizos e pavimentación do camiño de Pateira, o pagamento de débedas a acredores e a contratación de 28 traballadores.

Este ano, Poio recibe a cantidade total de 1.008.010,77 euros, 4.000 euros máis que o ano anterior e un 48% máis que hai dous anos, segundo destaca a Deputación.