Unha campaña impulsada polo colectivo Castro, luego existo, na que colabora o Concello de Poio, animará á veciñanza a esterilizar os gatos que hai no municipio, co obxectivo de manter baixo control as colonias felinas.
Os propietarios destes animais poderán esterilizalos a un prezo reducido durante os días 20 e 21 de novembro.
No prezo tamén se inclúe o desprazamento e a captura, que será asumida pola asociación. A intervención consistirá nunha incisión mínima, que non requirirá de postoperatorio.
As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa poden obter máis información e anotarse chamando ao número de teléfono 600231205.
Entre os descontos que se ofrecen figura, a maiores, a dotación de microchips, tanto para cans como para gatos, por 30 euros.
A colaboración do Concello de Poio neste iniciativa forma parte da folla de ruta activada pola Concellería de Medio Ambiente á hora de impulsar medidas que axuden a establecer un control das colonias de gatos existentes no municipio
Este traballo, destaca desde o Concello, permitiu xa ter controlados algúns focos, como o detectado hai uns meses en Río Tambre, na parroquia de San Salvador, ou en Combarro.
Na folla de ruta do departamento municipal tamén está actuar noutros lugares de Samieira, San Xoán ou Raxó, entre outros.