Poio anuncia que xa se poden solicitar as bonificacións no IBI, viñeta e plusvalías

Poio
30 de xaneiro 2022

As familias numerosas terán dereito a unha bonificación do 50% sobre o Imposto de Bens Inmobles, os propietarios de coches con baixas emisións terán un desconto no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e nas plusvalías contémplanse reducións no caso de transmisións de vivenda habitual e para herdanzas en vida

Avenida da Barca en San Salvador de Poio
Avenida da Barca en San Salvador de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio informa de que está en vigor un paquete de máis de media ducia de bonificacións aprobadas o ano pasado e que xa poden ser solicitadas polas persoas interesadas que cumpran cos requisitos pertinentes.

A cidadanía terá a opción de realizar esta xestión a través da Sede electrónica, presentando unha instancia xeral, ou ben a través do ORAL. O Concello pon a disposición da veciñanza un espazo na súa páxina web no que se informa sobre a documentación que debe presentar para poder optar a estas bonificacións.

Estas reducións teñen en conta ás familias numerosas e, no caso dos vehículos, buscan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, seguindo, deste xeito, as pautas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU.

Son sete as bonificacións aprobadas polo Goberno municipal e que se suman á política do Concello de Poio conxelación de taxas de servizos básicos, como abastecemento, saneamento ou tratamento de lixo, entre outros, que permanece en vigor desde 2013. "Durante a última década apostamos por manter estes recibos sen suba algunha, aos que agora engadimos unha batería de bonificacións e descontos", sinalan os dirixentes municipais, que inciden en que Poio é o concello da contorna que máis reducións deste tipo impulsa neste 2022.

TIPOS DE BONIFICACIÓNS

No caso das familias numerosas, terán dereito a unha bonificación do 50% sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI), pensada para aquelas unidades familiares que dispoñan dunha renda que non supere os 30.000 euros no último exercicio declarado. O IBI tamén se verá reducido nun 25% no caso de vivendas construídas antes de 2007 e nas que se aposte pola instalación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. Tamén se contempla un 25% de desconto a favor de inmobles onde se leven a cabo explotacións agrícolas ou gandeiras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal.

Polo que respecta ao Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), as persoas propietarias de automóbiles híbridos gozarán dun desconto do 50%, que aumentará ao 75% no caso de vehículos eléctricos. Neste caso, aplícase unha suba do 10% para turismos, sen que afecte a autobuses, camións, tractores ou motocicletas. Con esta actualización, o recibo da ‘viñeta’ mantense por debaixo da media da provincia de Pontevedra, sendo ata 2021 o máis baixo de toda a comarca.

Por último, o Concello vén de modificar tamén a ordenanza correspondente ás plusvalías, que contempla reducións do 95% no caso de transmisións de vivenda habitual e do 50% para herdanzas en vida.