Poio aprobará un Plan de Mobilidade Sostible, base organizativa do tráfico, transporte público e aparcadoiros a 10 anos vista

Poio
22 de agosto 2019

O tripartito levará este documento ao vindeiro pleno tras sometelo á participación cidadá. Neste plan contémplanse 89 iniciativas concretas para as que serían necesarios investimentos por unha cifra de 13 millóns de euros para a vindeira década coa implicación da Unión Europea e doutras administracións

Xulio Barreiro e Gregorio Agís ven o documento do Plan de Mobilidade sustentable de Poio (arquivo)
Xulio Barreiro e Gregorio Agís ven o documento do Plan de Mobilidade sustentable de Poio (arquivo) / PontevedraViva

O vindeiro 3 de setembro xuntarase por primeira vez a Mesa de Mobilidade, coa participación de representantes de distintas concellerías. Este encontro servirá para comezar a coordinar os proxectos que se contemplan no Plan de Mobilidade Sostible de Poio que este xoves presentaban os concelleiros do goberno local Gregorio Agís (PSOE), Xulio Barreiro (BNG) e Silvia Díaz (Avante Poio) e que se levará ao vindeiro pleno municipal para a súa aprobación.

Segundo explicaban os representantes municipais trátase dun documento que marcará a folla de ruta para realizar intervencións en materia de circulación de tráfico e de mobilidade no Concello de Poio durante os vindeiros dez anos. O obxectivo desta proposta é identificar os problemas que se detectan nestas áreas para buscar solucións. Neste sentido, o Plan xa se expuso á participación cidadá, que trasladou as súas demandas e apreciacións.

Temas como a inseguridade viaria na estrada PO-308 cun tratamento axeitado para a confluencia de vehículos e peóns en puntos onde se xenera unha alta densidade de tráfico como Combarro; un deseño do sistema público de transportes que facilite o uso do autobús por parte da cidadanía para minimizar os problemas de contaminación ambiental; mellorar a circulación ciclista e peonil no municipio ou crear estacionamentos alternativos son algúns dos apartados que se analizarán partindo das bases que establece este Plan onde se busca asentar unha "estratexia planificada" para mellorar a seguridade viaria coa implicación das diferentes concellerías e servizos municipais, indicaban Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo.

Segundo explicaba Xulio Barreiro, o documento recolle 89 propostas concretas para as que serían necesarios máis de 13 millóns de euros durante a vindeira década. Este diñeiro a investir procedería da Unión Europea, a través dos Fondos Feder con propostas para reducir a pegada de carbono cun descenso nas emisións de CO2; do propio Concello e doutras administracións como a Xunta de Galicia, Estado e Deputación.

Pola súa parte, Silvia Díaz incidía na importancia da implicación veciñal na elaboración do Plan, que marcará as liñas para organizar o territorio municipal.

Os concelleiros indicaron que para acometer os proxectos buscarán a confluencia con outras administracións e, neste sentido, seguirán a demandar unha xuntanza con responsables da consellería de Infraestruturas para tratar a creación da estrada do Vao, a reducción do tráfico na ponte da Barca, a creación dunha rotonda en Combarro ou a construción dunha vía alternativa á PO-308. Polo momento, afirman, seguen sen recibir resposta por parte da Xunta de Galicia.