Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’

Poio
22 de setembro 2023

O Concello de Poio quere afondar na súa unión co Camiño de Santiago e coñecer en detalle os datos e preferencias dos peregrinos que percorren algunha das variantes da ruta xacobea ao seu paso por Poio, co obxectivo de mellorar a súa experiencia e contribuír á súa desestacionalización e a internacionalización

Peregrinos en Poio
Peregrinos en Poio /

O Concello de Poio quere afondar na súa unión co Camiño de Santiago e coñecer en detalle os datos e preferencias dos peregrinos que percorren algunha das variantes da ruta xacobea ao seu paso por Poio, co obxectivo de mellorar a súa experiencia e contribuír á súa desestacionalización e a internacionalización

Para facelo, acaba de poñer en marcha a campaña 'no Bo Camiño'. A información obtida utilizarase para impulsar un atractivo turístico e cultural único que o actual Goberno local considera que estaba "completamente infravalorado polo anterior".

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, explicou que a iniciativa inclúe, nunha primeira fase, a colocación de códigos QR con enquisas en varios idiomas (galego, castelán, portugués e inglés polo momento, con previsión de incorporar máis linguas segundo a demanda) na recepción do Concello, nas Oficinas de Información Turística, nos sinais indicativos e noutros puntos de interese ao longo do percorrido.

Ao escanear os códigos, os peregrinos poderán elixir o idioma preferido e responder a unha enquisa que permitirá "traballar a futuro incorporando suxestións e preferencias dos peregrinos".

Ademais, reforzarase o rexistro de información dos peregrinos coa colaboración da Orde Mercedaria, que recompilará os datos das persoas que selen a Compostela no Monasterio.

De momento, os datos recollidos só nas últimas semanas indican que máis do 50% dos peregrinos que atravesan Poio son estranxeiros, sendo os máis numerosos os portugueses, italianos e alemáns.

"Despois dun verán moi positivo para o turismo de Poio, traballamos para construír un mellor destino desde o primeiro día do outono", sinala Cochón, para engadir que ao igual que os peregrinos, tamén as administracións precisamos saber onde se atopan para avanzar con rumbo certo.

Durante os próximos meses tamén se renovará e mellorará a sinalización e o Concello traballará no acondicionamento dos camiños utilizados polos peregrinos, en colaboración co resto de administracións e tratando o camiño por Poio como o que é, unha aposta estratéxica.

Polo concello de Poio transcorren dous itinerarios cun gran crecemento nos últimos anos, a Variante Espiritual e o Roteiro do Padre Sarmiento.