Poio celebrará o décimo aniversario da Casa Museo de Colón con actos e exposicións

Poio
09 de outubro 2020

Este venres celebrouse a presentación dos festexos polo décimo aniversario da Casa Museo Colón situado en Portosanto, San Salvador. Segundo explicou a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, "este ano non queríamos deixar de celebrar o aniversario a pesar das circunstancias"

Presentación do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Presentación do décimo aniversario da Casa Museo de Colón / Concello de Poio

Este venres celebrouse a presentación dos festexos polo décimo aniversario da Casa Museo Colón situado en Portosanto, San Salvador.

Segundo explicou a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, "este ano non queríamos deixar de celebrar o aniversario a pesar das circunstancias".

Por iso, o Concello en colaboración coa Asociación Galicia Histórica, realizou unha programación con motivo do festexo. Dará comezo o 16 de outubro e finalizará a finais de decembro, e contará con conferencias de mulleres a prol desta teoría, actos institucionais, e outros actos cos que "queremos reivindicar a figura do Colón galego natural de Poio e a figura do edificio para atraer ao máximo público e non deixar de celebrar este décimo aniversario", concluíu a concelleira.

Pola súa banda, Martín Gilarránz, como representante da Asociación, afirmou que "é imprescindible poñer en valor este edificio e aportar documentación para afirmar a teoría do Colón galego" ademáis de "potenciar o valor turístico do Museo e dos asentamentos mediante a ruta do Padre Feijoo e do Padre Sarmiento coa Ruta Xacobeo.

Por último, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, mostrouse orgulloso polo décimo aniversario dende a inauguración da Casa Museo e destacou a importancia da recuperación xa que "era unha auténtica ruína".