Poio celebrará o Día de Galicia cun acto institucional en Vilariño

Poio
18 de xullo 2023

"Este 25 de xullo imos celebrar xuntos o que nos une a todos: o orgullo de ser galegos de Poio", destacou o alcalde, Ángel Moldes, que explicou que esta festa cambiará de ubicación cada ano para poñer en valor os lugares do municipio "que simbolizan a esencia galega"

Ángel Moldes no parque de Vilariño con Fernando Rial
Ángel Moldes no parque de Vilariño con Fernando Rial / PP de Poio

Vilariño será o lugar que acolla o acto institucional co que o Concello de Poio quere conmemorar o Día de Galicia. Será o martes 25 de xullo, ás oito da tarde. 

"Este 25 de xullo imos celebrar xuntos o que nos une a todos: o orgullo de ser galegos de Poio", destacou o alcalde, Ángel Moldes, que explicou que esta festa cambiará de ubicación cada ano para poñer en valor os lugares do municipio "que simbolizan a esencia galega".

No caso de Vilariño, segundo expresou Moldes, "é unha xoia do noso patrimonio material e humano que xunta tradición e futuro, familias arraigadas desde séculos e veciños que veñen e fan novas achegas: un lugar plural e diverso pero cunha historia e un proxecto compartido".

Durante o acto intervirán representantes do goberno local e farase entrega de bandeiras de Galicia ás asociacións de nova creación no Concello e aos particulares e colectivos que o soliciten no correo [email protected] ou a través do teléfono 986 770 001

A celebración institucional tamén dará protagonismo á cultura e ao talento locais, con concertos e representacións e rematará coa interpretación do himno galego.

Este ano a ambientación musical correrá a cargo da Escola de Acordeóns de Campelo, dirixida por Juan José Mariño, que se unirá ao vocalista Yago Martínez, veciño de San Xoán e vocalista do conxunto Azabache, para interpretar Os Pinos.

O alcalde chamou a participar a toda a veciñanza e destacou o formato elixido para conmemorar o 25 de xullo, que será un acto "no que caiban e se sentan cómodos todos, un punto de encontro, aberto, vivo e orgulloso do propio".