Poio completa a configuración do novo goberno municipal

Poio
21 de xuño 2019

O goberno municipal de Poio completou a súa organización interna. O alcalde, Luciano Sobral, comunicou as competencias que terán os edís do BNG, os únicos que aínda descoñecían que áreas ían xestionar

Marga Caldas, concelleira de Poio
Marga Caldas, concelleira de Poio / Mónica Patxot

O goberno municipal de Poio completou a súa organización interna. O alcalde, Luciano Sobral, comunicou as competencias que terán os edís do BNG, os únicos que aínda descoñecían que áreas ían xestionar.

Así, Marga Caldas converterase na primeira muller en asumir o control da concellería de Seguridade Cidadá e, ademais, manterá a área de Deportes, que xestiona desde hai case dez anos. A iso sumará tamén Dinamización lingüística e memoria histórica.

Xulio Barreiro continuará como responsable de Facenda e Réxime interno e encargarase tamén de Patrimonio e Novas tecnoloxías; mentres que Xosé Lois Martínez asumirá as áreas de Festas, Persoal e Medio Ambiente, Sanidade e Saúde.

A incorporación ao equipo nacionalista, a edil Raquel Rodríguez, asumirá as competencias en Cultura e Educación.

Pola súa banda, as competencias da área socialista repartiranse entre Chelo Besada, que continúa como responsable de Obras, Servizos, Marisqueo e Pesca; Gregorio Agís, que mantén as carteiras de Urbanismo e Promoción económica; e Rosa Fernández, que será a concelleira de Xuventude  e Benestar Social.

Silvia Díaz, portavoz de Avante Poio, completa o goberno municipal e asumirá as competencias de Turismo, Igualdade e Participación veciñal.

O goberno municipal espera celebrar a próxima semana o pleno de organización, no que ademais desta estrutura competencial aprobaranse cuestións como os salarios da nova corporación ou o funcionamento das sesións plenarias.