Poio conta con máis de 200 familias numerosas

Poio
22 de febreiro 2024

O alcalde Ángel Moldes reuniuse cos representantes da Federación Española de Familias Numerosas

Reunión do alcalde de Poio con representantes da Federación Española de Familias Numerosas
Reunión do alcalde de Poio con representantes da Federación Española de Familias Numerosas / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira Rocío Cochón reuníronse co presidente da Federación Española de Familias Numerosas, José Manuel Trigo, co presidente da asociación galega, Luis Sánchez, e co delegado por Pontevedra, Vicente Domínguez.

Mis de 200 familias forman parte deste colectivo no municipio, segundo informou o Concello.

Durante o encontro, Moldes sinalou que o goberno municipal "é consciente de que investir nas familias é investir no futuro do concello".

Nesta liña, o alcalde asegurou que desde o goberno están traballando para dar pasos cara diante para "converter Poio nun concello familiar", con políticas e medidas para "facer que sexa un lugar para que as familias se establezan, vivan e fagan a súa vida". 

Moldes indicou que "a pegada do novo goberno xa se está percibindo", coa "primeira redución de impostos e taxas das últimas décadas", a posta en funcionamento do comedor escolar no CEIP Isidora Riestra, cunha "ampla programación cultural e festiva destinada para as familias", ou coa ampliación das ludotecas de verán ata o inicio do curso escolar.

"Son pequenas decisións que marcan unha tendencia e, desde logo, este é o camiño que iniciamos e que imos continuar nos vindeiros anos", manifestou o alcalde.

Así, recordou que a "folla de ruta" será o compromiso asinado con estas asociacións hai uns anos, e que incluía "medidas xustas, realistas e necesarias" para dar apoio ás familias numerosas e atender ás súas peticións.

Entre estas medidas inclúense, por exemplo, beneficios fiscais para as familias numerosas, servizos que favorezan a conciliación familiar, mellora das zonas de lecer e ampliación da programación infantil ou familiar.