Un total de trinta persoas contratará o Concello de Poio para reforzar o seu persoal municipal, a través do Plan de Emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra.
Traballarán a xornada completa, unhas 35 horas semanais, durante os meses de novembro e decembro. Recibirán un salario mensual de mil euros.
En concreto, Poio seleccionará a 22 peóns, tres albaneis, dous fontaneiros, dous condutores e un auxiliar de clínica para continuar o programa de hábitos saudables nos centros educativos do municipio.
Así se acordou este luns na Xunta de Goberno local. Todos estes traballadores reforzarán o traballo de diferentes áreas municipais.
A oferta de emprego está xa presentada no Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia, encargado de remitir aos aspirantes a estes postos de traballo.
O tribunal reunirase a próxima semana para realizar a selección.