Poio crea unha bolsa de voluntarios aos que mobilizar en caso de emerxencia polo coronavirus

Poio
23 de marzo 2020

Os interesados en participar só teñen que completar un formulario a través da páxina web do Concello, superar unha entrevista persoal e esperar a chamada de Protección Civil, que será a que xestione esta lista de reserva

Intervención no porto de Raxó con motivo dunha embarcación envorcada
Intervención no porto de Raxó con motivo dunha embarcación envorcada / Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio

O Concello de Poio continúa centrado na loita contra o avance do coronavirus. Despois de repasar o estado da concesión de axudas económicas ao tecido emrpesarial e laboral do municipio que se atopan en mans do servizo de Internvención e Tesourería, a comisión de seguimento do Covid-19 impulsa a creación dunha bolsa de voluntariado á que poderá recorrer en caso de emerxencia social.

Este corpo de voluntarios xestionarase a través do departamento de Protección Civil e crearase porque "nos últimos días foron moitas as persoas que nos fixeron chegar a súa intención de botar unha man. Por iso deseñamos esta fórmula de bolsa xestionada por Protección Civil, porque é o modo máis responsable e seguro de habilitala", informan desde o Concello.

Todos aqueles interesados en tomar parte desta iniciativa deberán completar un formulario que xa está dispoñible na páxina web do Concello de Poio. Só son necesarios os datos persoais e as razóns polas que desexa formar parte deste corpo. Posteriormente, o solicitante será convocado para unha entrevista previa ás actuacións para realizar.