O Camiño Real de Chancelas, no tramo que vai entre o Camiño da Bouza e o Camiño Loureiro, será obxecto dunha actuación impulsada polo Concello de Poio que, a través do acondicionamento do firme, creará un carril bici e unha senda peonil.
Esta intervención, que unirá Chancelas e Combarro, ten un orzamento de 512.000 euros e será financiada a partes iguais pola administración municipal e pola Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que esta actuación "é prioritaria" para mellorar a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro.
É unha vía municipal que neste momento está nun importante estado de deterioro nalgúns puntos, producido pola circulación de vehículos e a erosión orixinada pola auga.
O proxecto inclúe a mellora e rehabilitación do firme existente mediante a instalación de cunetas de evacuación de augas pluviais no camiño indicado, así como o reasfaltado do mesmo, mellorando o acceso ás parcelas agrícolas existentes.
Ademais, limitarase a plataforma para o tráfico rodado aos 4 metros de anchura, unido á creación e inicio dunha senda peonil e ciclista cunha anchura mínima de 2,5 metros que integre e una dun xeito sostible as parroquias os núcleos de A Bouza e Combarro.
O obxectivo desta actuación é que este tramo do camiño conte cunhas características especiais que fomenten o transporte sostible e o calmado do tráfico existente.