O Concello de Poio abrirá unha liña de axudas económicas directas para axudar aos sectores máis castigados polos peches e ceses de actividade derivados das restricións aplicadas pola Xunta de Galicia para tratar de frear a expansión da covid-19.
En total, a Administración local destinará 100.000 euros, que proveñen de fondos propios, aos que tamén hai que sumar outros 50.000 achegados pola Deputación Provincial de Pontevedra.
Precisamente, integrantes do equipo de Goberno mantiveron o pasado xoves unha reunión telemática con varios profesionais vencellados ao sector turístico, para falar abordar este asunto.
O Goberno local comprometeuse a elaborar unhas bases que garantan a axilidade do reparto das axudas directas, de xeito que a distribución se leve a cabo "o máis rápido posible" entre aqueles negocios que presenten as súas solicitudes e que cumpran cos requisitos que se establezan.
Ademais, o Concello tamén aposta por dar traslado ao sector dun borrador previo á aprobación, que se presentaría unha vez redactado, nunha próxima reunión.