Poio sumará ás súas infraestruturas deportivas unha pista de pump track. Trátase do primeiro circuíto destas características dos que dispoñerá este municipio e que estará sufragado na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra.
A entidade provincial destinará a este proxecto un total de 51.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un plan que está dirixido a concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. Esta nova dotación situarase na Reiboa, nunha parcela de case 500 metros cadrados na contorna do campo de fútbol da Seca.
Un circuíto de pump track é un espazo que está destinado a todos os deportes de inercia, isto é, bicicletas, skates, patíns etc... que permite realizar actividades deportivas e de lecer nunha contorna aberta, en contacto coa natureza.
No previsto para Poio habilitaranse espazos con diferentes niveis de destreza. Para iso, dotarase de zona de rodadura, noiros ou illas interiores, entre outros elementos.