Poio editará unha nova guía promocional para poñer en valor o seu territorio

Poio
23 de marzo 2021

O goberno municipal de Poio está a traballar na edición dunha nova guía promocional coa que poñer en valor os recursos patrimoniais e naturais do concello. Esta publicación, que terá dezaseis páxinas, ofrecerá unha completa información sobre a variedade e riqueza do patrimonio do municipio

Senda do Pereiro Concello de Poio

O goberno municipal de Poio está a traballar na edición dunha nova guía promocional coa que poñer en valor os recursos patrimoniais e naturais do concello. 

Esta publicación, que terá dezaseis páxinas, ofrecerá unha completa información sobre a variedade e riqueza do patrimonio do municipio.

Nela, estarán recollidas as sendas litorais que existen na fachada costeira do municipio, así como os miradoiros, as rutas dos muíños da Fervenza e Samieira ou emprazamentos emblemáticos como o Bosque das Secuoias.

"Queremos continuar poñendo en valor enclaves naturais que poden resultar un gran reclamo para un destino turístico da importancia de Poio", explica a concelleira de Turismo, Silvia Díaz.

A responsable municipal destaca que nas cinco parroquias de Poio existen espazos ao aire libre, paisaxes e lugares "perfectos" para fomentar os hábitos saudables ou o turismo familiar.

Para financiar a edición da guía, o Concello de Poio solicitou unha axuda á Deputación de Pontevedra, a través da liña 2 do Plan Concellos.

Con esta publicación, Poio reforza a súa estratexia para atraer un turismo de proximidade, toda vez que nesta Semana Santa, polo contexto da pandemia, non poderán chegar visitantes foráneos. Será o turismo local, segundo Díaz, o que poida axudar a dinamizar o sector.

TÉCNICA PARA A OFICINA DE COMBARRO

Por outra banda, Silvia Díaz lembrou que o vindeiro día 26 de marzo incorporarase unha técnica para traballar na oficina de información de Combarro, que abrirá as portas nesa data.

O horario de atención será de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 19.00 horas polas tardes, de luns a domingo.

A través do Plan Concellos, o departamento verase reforzado con dúas incorporacións para prestar asesoramento nas propias dependencias de Combarro e no Casal de Ferreirós. Ambos contratos terán seis e tres meses de duración, rematando en setembro.