Poio comeza a incorporar o persoal que reforzará os servizos municipais

Poio
05 de abril 2021

Será a partir do vindeiro 15 de abril cando se produza a incorporación da meirande parte das contratacións tramitadas a través do Plan Concellos. En concreto, nesa data iniciarán os seus labores os 11 operarios que reforzarán o departamento de Obras e Servizos Municipais

Operarios do servizo de Obras realizando tarefas de mantemento
Operarios do servizo de Obras realizando tarefas de mantemento / Concello de Poio

Desde o pasado 1 de abril, cinco novos traballadores reforzan os servizos municipais de Poio. Trátase de catro conserxes para diferentes instalacións e unha auxiliar clínica para Servizos Sociais. Forman parte dos 28 contratos que se farán a través do Plan Concellos da Deputación.

No caso dos conserxes, a duración dos contratos será ata o 30 de novembro, excepto o correspondente á persoa que desenvolva esta tarefa na casa consistorial, que permanecerá contratada ata finais de ano.

Grazas a estas contratacións, pasarán a contar con este servizo equipamentos como a Casa Museo de Colón, en Portosanto, ou o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.

A primeira incorporación realizada a través desta iniciativa foi a da técnica de Turismo que, xa durante a Semana Santa, pasou a reforzar este departamento, desenvolvendo tarefas de información e asesoramento na oficina de Combarro.

Será a partir do vindeiro 15 de abril cando se produza a incorporación da meirande parte das contratacións tramitadas a través do Plan Concellos. En concreto, nesa data iniciarán os seus labores os 11 operarios que reforzarán o departamento de Obras e Servizos Municipais.

Entre as tarefas a desenvolver figuran a rehabilitación das rutas de sendeirismo e paseos que existen na vila ou a limpeza e roza de camiños e pistas, así como o mantemento de praias. Todos eles contarán cun contrato dunha duración de oito meses.

De aquí ao verán, iranse incorporando tamén novos reforzos para departamentos como Servizos Sociais ou Turismo.

O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, sinala que o investimento solicitado nesta nova convocatoria para poder fronte a esta actuación rolda os 235.000 euros aproximadamente.

Estas contratacións, defende o edil, permiten incorporar ao mundo laboral persoas que se atopan en situación de desemprego e sinala que o reparto de prazas faise en función das necesidades de persoal suplementario que precisa cada departamento municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora