Poio encara a última semana de agosto rozando o 90% de ocupación turística na primeira quincena

Poio
22 de agosto 2021

Supéranse as expectativas que manexaba o sector e tamén se pasa a cifra de persoas que demandaron consultas nas oficinas municipais de Turismo en 2018

Turismo en Combarro, Poio
Turismo en Combarro, Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio e a actividade vinculada ao turismo no municipio encaran a última semana de agosto rozando o 90% de ocupación durante a primeira quincena do mes. Así resulta dos datos solicitados pola Concellería de Turismo entre hoteis, apartamentos turísticos e casas rurais. Esa porcentaxe superá en máis dun 20% ao que se rexistrou nas mesmas semanas de 2020 e é semellante ao de anos anteriores á pandemia.

O resultado da primeira metade de agosto supera as expectativas máis optimistas que manexaba o sector, que as situaba entre o 70 e 80%, e esperan que esta segunda quincena conclúa igualmente neses parámetros de ocupación que case supoñen un cheo total. Máxime cando esta fin de semana pasouse ao nivel medio de restricións, o que está a permitir un maior aforo para a restauración e a hostalería nocturna.

A concelleira desta área, Silvia Díaz, apunta o esforzo e profesionalidade do sector "nun contexto tan difícil". A recuperación turística tamén se constata nun incremento do número de persoas que se pasaron polas oficinas de turismo de Poio. Na primeira quincena máis de tres mil persoas realizaron consultas nesas dependencias; cifra que está por encima da que se alcanzou en 2018.

Segundo o perfil que se extrae destas persoas, o turista que chegou a Poio é en gran maioría turista español, aínda que tamén se rexistraron con orixe en Francia, Portugal, Reino Unido e Italia.