O goberno municipal de Poio non renuncia ao polígono industrial de Fragamoreira. Nun novo intento por desbloquear a situación, o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia que estude a viabilidade que tería a súa posta en marcha.
Foi nun transcurso da xuntanza que mantiveron en Santiago os edís Xulio Barreiro, Gregorio Agís e Silvia Díaz con representantes de Xestur Galicia, sociedade que xestiona os polígonos industriais galegos.
Ademais de trasladar a "prioridade" que este polígono supón para Poio, os concelleiros lograron que Xestur se comprometa a rozar e limpar os terreos que son da súa propiedade.
Os responsables do Concello de Poio manifestaron ao ente autonómico a importancia que o polígono ten para o desenvolvemento empresarial e económico do municipio.
Na xuntanza, segundo traslada o goberno municipal, valoráronse diversas vías para activar o polígono de Poio, entre elas dividir os terreos para comezar a súa posta en marcha por fases.
Outro dos asuntos tratados foi o de impulsar a reserva de solo por parte das empresas interesadas, a través da inscrición no rexistro de demandantes de solo empresarial de promoción pública de Galicia, a ferramenta telemática do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Buscan crear así un rexistro do interese que espertaría esta iniciativa.