Poio estreará unha nova área de autocaravanas

Poio
01 de maio 2017

A próxima fin de semana inaugurarase a área de autocaravanas de Poio. O Concello e a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) darán a benvida aos autocaravanistas que desexen celebrar a apertura desta nova área

Área de autocaravanas en Poio
Área de autocaravanas en Poio

A próxima fin de semana inaugurarase a área de autocaravanas de Poio. O Concello e a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) darán a benvida aos autocaravanistas que desexen celebrar a apertura deste novo servizo.

Está situada na explanada próxima ao Parque da Memoria, na Seca, con acceso desde a estrada PO-308.

Segundo informan desde a AGA, a área está acondicionada con todos os elementos esenciais para o autocaravanista, tales como auga potable, baleirado químico e de augas grises.

O programa previsto reserva a xornada do venres para a chegada de todos os autocaravanistas que xa o sábado ás 10 horas visitarán o Mosteiro de San Xoán antes de que ás 12.15 horas o alcalde, Luciano Sobral e o concelleiro de Urbanismo Gregorio Agís inauguren oficialmente esta nova dotación municipal.

Serán breves os discursos porque para a unha da tarde está prevista a saída dos autobuses cara a Combarro onde comerán.

O domingo se reserva para facer excursións pola zona. Está organizada unha ruta de sendeirismo por Campelo e Lourido, un paseo pegado ao mar na súa totalidade. Tamén haberá unha visita ao bosque de sequoias e aos miradoiros da ría.