Poio inaugura os 'bancos da paz' nos colexios como espazo "de diálogo e de apertas"

Poio
30 de xaneiro 2024

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou o CEIP Espedregada, en Raxó, onde convidou ao alumnado a utilizar este banco "sempre que queiran, para solucionar conflitos, para compartir sentimentos, para escoitar ou para axudar"

Inaguración dos 'bancos da paz' nos colexios de Poio
Inaguración dos 'bancos da paz' nos colexios de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio inaugurou este martes os chamados 'bancos da paz' nos colexios de infantil e primaria do municipio. Fíxoo coincidindo coa conmemoración do Día da Paz e da Non Violencia.

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou o CEIP Espedregada, en Raxó, onde convidou ao alumnado a utilizar este banco "sempre que queiran, para solucionar conflitos, para compartir sentimentos, para escoitar ou para axudar".

"Son un lugar ao que recorrer cando calquera estudante busque paz e boa convivencia", subliñou Moldes.

Estes bancos, segundo o alcalde, non só promoven o diálogo, o respecto e o bo comportamento, senón que o propio alumnado participou na súa decoración e, ademais, impulsan a reciclaxe, posto que os cinco bancos colocados nos colexios están realizados con material reutilizado.

Ademais de inaugurar estes bancos da paz, o alumnado asistiu á lectura dun conto no que se lles anima a utilizar este recurso e recibiron unha pulseira da paz.