Poio inicia o procedemento para a contratación de oito brigadistas para a prevención de lumes forestais

Poio
01 de xuño 2020

Os interesados en optar a algunha destas prazas dispoñen dun prazo de dez días para presentar as súas peticións por vía telemática, a recomendada polo  Concello, ou presencial a través do Rexistro Municipal

Incendio forestal próximo a unha vivenda na Puntada, en Poio Diego Torrado

As bases para a contratación durante tres meses de persoal para traballar como brigadistas para a prevención, vixilancia e defensa contra lumes forestais foron publicadas este luns 1 de xuño no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

É un trámite que permitirá a contratación de oito operarios ao Concello de Poio, que incorporará un xefe de brigada, un peón-condutor, tres peóns e tres condutores de vehículos motobomba.

Os aspirantes a algún destes postos dispoñen de dez días naturais a partir da publicación das bases. Para facelo, desde o Concello recomendan empregar a vía telemática, aínda que tamén pode facerse a través do Rexistro Municipal.

Este procedemento é un dos beneficiados polo levantamento da suspensión para aqueles procesos dirixidos a garantir o funcionamento básico dos servizos municipais.

O mesmo ocorre coa contratación de socorristas, proceso para o que o Concello xa publicou as bases do proceso selectivo. O obxectivo do goberno local é contratar a partir do 1 de xullo socorristas para as praias de Cabeceira e Xiorto.