Poio inicia unha campaña de control do estacionamento en prazas reservadas para persoas con discapacidade

Poio
22 de abril 2017

Nas últimas semanas realizouse unha revisión das zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida en todo o municipio, de maneira que agora son moito máis visibles e localizables. O seguinte paso é esta campaña especial de vixilancia, que se prolongará entre este luns e o 7 de maio  

Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida
Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida

Nas últimas semanas a Policía Local de Poio denunciaba unha veciña do municipo por usar a tarxeta de estacionamento en prazas reservaas para persoas con mobilidade reducida que fora do seu marido, que xa estaba morto. É un exemplo das condutas irregulares realizadas polos condutores deste tipo de espazos reservados e, para evitar que se produzan máis, a partir deste luns 24 de abril poñerase en marcha unha campaña policial de vixilancia e control. 

Segundo informou a Policía Local de Poio, nas últimas semanas realizouse unha revisión das zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida en todo o municipio, de maneira que agora son moito máis visibles e localizables.

O seguinte paso para mellorar o uso que se lle dá a estas prazas é esta campaña especial de vixilancia, que se prolongará entre este luns e o 7 de maio co obxectivo de vixiar os espazos de estacionamentos reservados, delimitados e sinalizados correctamente.

En calquera momento do día, os vehículos que se atopen indebidamente estacionados en ese espazo poderán ser denunciados e retirados co guindastre municipal.

A Policía Local de Poio recorda que a tarxeta acreditativa do grao de discapacidade é un documento persoal e intransferible que acredita o recoñecemento do grao de discapacidade recoñecido ao seu titular.

Tendo esta consideración como punto de partida, existen, por un lado, as denuncias administrativas a aquelas persoas que fan un uso indebido (utilizando a mesma unha persoa que non ten o grao recoñecido ou ben non acompaña á persoa titular, ou presenta unha fotocopia) e, por outro, as infraccións penais que cometen aqueles que fan un uso fraudulento ou falsifican algún dos datos do documento. Esta campaña trata de evitar ambos os dous comportamentos.