Poio, A Lama, Ponte Caldelas, Sanxenxo e Vilaboa estrean plans de saúde locais

Poio
13 de decembro 2024
Actualizado: 16:00

Estes plans son ferramentas de planificación estratéxica local que permiten fixar obxectivos e accións de mellora específicos para cada centro de saúde, segundo as necesidades da súa poboación

Presentación dos Plans de Saúde Locais
Presentación dos Plans de Saúde Locais /

Xa están en marcha un total de cinco plans locais de saúde corresponderon a servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Son concretamente os de Poio, A Lama-Ponte Caldelas, Sanxenxo, Terra de Montes e Vilaboa-Arcade, que fortalecen deste xeito a súa proxección asistencial de Atención Primaria.

Ao acto de sinatura dos plans locais de saúde 2025-2028 do Servizo Galego de Saúde (Sergas) celebrado en Santiago de Compostela asistiron por parte da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés o xerente José Flores, a directora de Atención Primaria, Itziar Melendo, e a subdirectora de Enfermaría, Silvia Amoedo.

Estes plans son ferramentas de planificación estratéxica a nivel local que permiten fixar obxectivos e accións de mellora específicos para cada centro de saúde, segundo as necesidades da súa poboación, centrando a atención nas persoas.

Coa devandita sinatura complétanse os quince plans locais de saúde na área sanitaria: Virxe Peregrina e Cambados, asinados en febreiro de 2022; Bueu, A Parda, Lérez e Vilanova de Arousa en decembro de 2022; Caldas de Reis, Marín, O Grove e Vilagarcía de Arousa en decembro de 2023, e os asinados onte.

Estes plans contan cun deseño realizado de xeito multidisciplinar polos propios profesionais dos centros como máximos coñecedores das características das súas respectivas poboacións.

Eles son os que definen as accións a desenvolver para lograr os obxectivos estratéxicos marcados desde a Consellería de Sanidade e o Sergas.

Entrega do novo ecógrafo ao servizo de reumatoloxía
Entrega do novo ecógrafo ao servizo de reumatoloxía

ECÓGRAFOS

Por outra banda, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de dotar aos servizos de Reumatoloxía e de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con sendos ecógrafos de última xeración.

O novo ecógrafo do servizo de Reumatoloxía vai permitir, nun acto único, a consulta, o diagnóstico e a terapéutica, diminuíndo o número de contactos co sistema sanitario e axilizando os procedementos.

Coa incorporación do seu novo equipo, os profesionais do servizo de Cardioloxía poderán ser moito máis áxiles, permitíndolles efectuar in situ a maioría dos ecocardiogramas dos pacientes ingresados tanto en planta coma na Unidade Coronaria de Montecelo, evitándolles desprazamentos.