O Concello de Poio aprobou as bases do programa Máis Cultura 2025, que destina 16.000 euros para apoiar aos colectivos na difusión da cultura popular.
Estas axudas facilitan as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano.
En total 25 grupos locais forman parte do catálogo do programa Máis Cultura, que se actualizou hai uns meses para ampliar a súa oferta e incluír tamén propostas de verbena galega, teatro ou audiovisual, ademáis de agrupacións folclóricas, pandereteiras, corais, música popular instrumental ou solistas.
As achegas económicas municipais oscilan entre os 150 e os 240 euros por actuación, independentemente de que os grupos teñan un caché superior.
EXPOSICIÓN NO CASAL DE FERREIRÓS
A artista local Mai Ferreira expón os seus collages na exposición "Mulleres (in)visibles", dentro da programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día Internacional da Muller.
A inauguración da mostra será este venres, 14 de marzo, ás 19.00 horas no Casal de Ferreirós, onde se poderá visitar a súa obra ata finais de mes.
Mai Ferreira, veciña de Poio e residente en Alemania desde hai dúas décadas, amosa dezasete obras realizadas a través da técnica de collage dixital, protagonizadas por dezaseis mulleres e as súas historias de vida, para darlles voz e facelas visibles.
ENTROIDO EN LOURIDO E COMBARRO
O Entroido de Poio continúa este venres en Lourido e Combarro. No primeiro caso, a Asociación veciñal de Lourido organiza unha festa familiar coa animación de Javi Solla a partir das 17.00 horas no Parque Costa Xiráldez, mentres que ás 20.00 horas será o Enterro de Berberecho coa participación das comparsas locais.
Pola súa banda, Combarro recupera as actividades que se tiveron que aprazar pola chuvia, e a partir das 16.30 horas haberá animación e baile de disfraces para a cativada na Praza da Chousa e o enterro do Mexillón será a partir das 20.00 horas, cunha comitiva que o trasladará desde o porto da Canteira ata a Chousa coa participación de comparsas locais.