O Concello de Poio mellorará o firme e completará a rede de pluviais no Camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán, unha actuación que, segundo o goberno municipal, permitirá seguir mellorando as comunicacións e os servizos básicos á cidadanía.
Este camiño entronca coa PO-308 e desde o Concello queren mellorar a drenaxe e a evacuación das augas pluviais mediante a instalación de tramos de tubaxe que mellore e integre a zona, dando resposta así a unha demanda dos veciños que residen neste lugar.
O proxecto contempla a instalación de 104 metros de tubaxe, así como a instalación de cinco pozos de rexistro e tres acometidas domiciliarias de pluviais.
Posteriormente, realizarase o recheo de gabias e pavimentarase o camiño para mellorar a seguridade. Ademais, instalaranse sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico vial.
Esta actuación irá incluída nos investimentos do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.