O Concello de Poio vén de adxudicar o proxecto de mellora de servizos no núcleo de San Martiño, na parroquia de San Xoán, que suporá unha inversión de 78.500 euros. A empresa encargada de acometer estes traballos será EC Casas, logo de saír gañadora do concurso de licitación, no que tomaron parte un total de seis firmas.
A Xunta de Goberno Local xa deu o visto bo a este trámite, polo que a concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, confía en que as tarefas dean comezo o antes posible. O proxecto servirá para dar continuidade aos traballos realizados hai xa varios anos para dotar de saneamento a esta zona. Ademais de mellorar este servizo, procederase á renovación da pavimentación.
Prevese que, grazas a esta actuación, pasen a contar cun mellor sistema de saneamento máis de media ducia de vivendas particulares
Por outra banda, a Concellería de Obras e Servizos Municipais vén de rematar as obras de dotación de abastecemento e saneamento no Camiño dos Lamoseiros, en Campelo (San Xoán). Estes traballos deron comezo a finais do pasado mes de setembro e foron levados a cabo por operarios municipais.
Nos últimos días procedeuse tamén á mellora da pavimentación. Con este tipo de proxectos, o Concello de Poio mantén a súa folla de ruta de cara a dotar destes servizos básicos a todo o rural do municipio. Actualmente xa está cuberto en máis dun 90% do territorio.