Poio pecha o primeiro semestre con máis de 500 usuarios do Punto Limpo Móbil

Poio
26 de xullo 2021

A tenente de alcalde de Poio e encargada da xestión do departamento de Servizos Municipais, Chelo Besada, facía este luns unha valoración do servizo do Punto Limpo Móbil, habilitado a principios de 2020, e destacaba a gran concienciación da cidadanía coa reciclaxe

Punto Limpo Móbil
Punto Limpo Móbil / Concello de Poio

A tenente de alcalde de Poio, a socialista Chelo Besada, facía este luns unha valoración do servizo que está a prestar á cidadanía o Punto Limpo Móbil, habilitado a principios de 2020.

Ao longo do primeiro semestre de 2021 foron máis de medio millar de veciños do municipio os que utilizaron este dispositivo, pensado para ofrecer aos usuarios a posibilidade de depositar restos e lixo que requiren dun tratamento especial, como poden ser produtos textiles, vidro, metais, lámpadas, pequenos electrodomésticos ou pilas, entre outros.

En total, foron 537 as persoas que entre os meses de xaneiro e xuño fixeron uso do Punto Limpo Móbil, que percorre cada mes as cinco parroquias do concello.

Os seus emprazamentos son: Costa Xiráldez (San Salvador), A Seca (San Xoán), Chancelas (Combarro), Praza Alfredo Romay (Samieira) e Leopoldo Nóvoa (Raxó). O calendario actualizado correspondente ao que resta de ano pódese consultar na páxina web do Concello de Poio, na sección de Poio Recicla.

Besada, encargada da xestión do departamento de Servizos Municipais, explica que en cada semestre veñen detectando un lixeiro aumento de usuarios. "Esta tendencia á alza confirma a importancia deste servizo e tamén a concienciación que existe entre a veciñanza de Poio á hora de apostar pola reciclaxe e polo respecto ao medio ambiente", sinala a tenente de alcalde, que engade que "de seguir nestes parámetros, superaranse os preto de 840 usuarios cos que contamos en 2020".

Os meses de maior actividade no Punto Limpo Móbil neste primeiro semestre de 2021 foron os de maio, con 115 entregas, e abril, con 102. En xaneiro, foron 85 as persoas que fixeron uso das instalacións itinerantes, mentres que en febreiro houbo 89 e en marzo, 73. Por último, xuño contou cun total de 84 entregas de residuos.

O horario de funcionamento deste servizo é de 10.00 a 14.00 horas, excepto en Chancelas, onde, durante a temporada escolar, o servizo préstase de 9.30 a 13.30 horas, para facilitar o estacionamento dos autobuses na explanada próxima ao CEIP.

O Punto Limpo Móbil pode ser utilizado por toda a veciñanza de Poio. Os usuarios tan só deberán facer entrega dos residuos e presentar o seu DNI. A recollida de restos realízase cumprindo coas pertinentes medidas hixiénicas e de seguridade decretadas polas autoridades sanitarias.