O Concello de Poio vén de tramitar unha solicitude para obter fondos do Programa PON 2030, impulsado pola Deputación, para promover unha actuación de recuperación de espazos públicos e da mellora da mobilidade peonil na contorna do núcleo de Viñas e As Laxes, pertencentes á parroquia de San Salvador.
O proxecto está valorado en 1,1 millóns de euros. De obter esta axuda o 80% desta contía (algo máis de 935.000 euros) financiarase a través deste plan provincial e o 20% restante (233.000 euros) sería asumido pola propia administración local.
Tal e como consta na memoria técnica, os traballos centraríanse nas rúas Travesía Porteliña, Rúa Viñas, Camiño Poio de Arriba, Camiño Laxes e Praza de Laxes.
Neste ámbito se implantaría unha plataforma única, de prioridade peonil, que suporía un reforzo da seguridade e a mellora da mobilidade e accesibilidade, especialmente nas proximidades do CEIP Viñas.
Tamén se levará a cabo a comprobación do estado das redes de canalización de abastecemento e saneamento, substituíndo aquelas que se atopen en mal estado e instalando as de pluviais para conseguir unha rede separativa.
A maiores, inclúense as escavacións necesarias para o futuro soterramento do subministro eléctrico.