Poio precinta os parques para evitar a propagación do coronavirus

Poio
13 de marzo 2020

O goberno local ordenou o teletraballo para moitos funcionarios e decretou o peche de todas as instalacións municipais

Paneis informativos nos parques precintados de Poio
Paneis informativos nos parques precintados de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio comeza a instalar paneis informativos nos parques das cinco parroquias do municipio para instar os veciños a que se absteñan de utilizalos como medida de prevención ante a propagación do coronavirus.

Non é a única medida adoptada polo goberno local, desde esta semana moitos traballadores exercen as súas funcións a distancia desde as súas casas. Ademais, o Concello lembra aos veciños a necesidade de realizar as súas xestións a través das vías telemáticas ou por teléfono. 

Doutra banda, a concellería de Turismo confirmou a suspensión temporal da atención presencial nas oficinas de turismo ou na Casa Rosada, onde o CIM seguirá exercendo as súas funcións de apoio a través do teléfono.

Así mesmo, desde o xoves permanencen pechadas as instalacións deportivas, a biblioteca e o ximnasio da Seca. As actividades deportivas, sociais e lúdicas tamén quedan suspendidas durante as próximas semanas.