O Concello de Poio presenta para o ano 2026 un orzamento de 16 millóns de euros, un documento que, segundo o goberno local, "blinda o servizos sociais e o funcionamento de programas municipais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias".
O proxecto cumpre cos principios de estabilidade e equilibrio. É un dos documentos máis altos das últimas décadas, un incremento que se consegue a pesar da rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha medida que vai reducir os ingresos municipais en preto de 250.000 euros.
Destaca o alcalde, Ángel Moldes, que é "un orzamento serio, responsable e planificado, propio dun Goberno único centrado en mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e en impulsar investimentos que transformen Poio".
Por áreas, Benestar Social ascende a 1,6 millóns de euros; para Cultura, Educación e Festexos, destínanse 1,4 millóns; Deportes conta con 720.500 euros; Medio Ambiente ten unha partida de 550.000 euros; para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,8 millóns; e para seguridade, superan os 900.000 euros.
O gasto corrente (7,8 millóns) e o persoal (4,9 millóns) manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior.
O capítulo de investimentos increméntase ata os 1,5 millóns de euros con fondos propios, aos que se sumarán importantes achegas doutras administracións, proxectos xa comprometidos e asegurados, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Entre os proxectos incluídos no orzamento para executar con financiamento municipal destacan a reforma da pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, así como a reposición do firme e mellora do camiño Pedaporta, en Combarro. Ambas actuacións financiaranse cunha operación de crédito por importe de 823.467 euros. Tamén se contempla a aportación municipal dos convenios coa Xunta relativos ao novo bombeo e depósito de retención na Seca e á anualidade 2026 da reurbanización da PO-308.
A maiores, o orzamento aumenta en 224.000 euros o plan de desbroces municipais por todas as parroquias, que en 2026 chegará aos 572.000 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.