Poio presume dun renovado campo de fútbol da Seca

Poio
28 de setembro 2019

Os clubs deportivos de Poio recuperan un dos seus equipamentos máis senlleiros. O campo de fútbol da Seca reabriu este venres as súas portas tras a colocación do seu céspede sintético e as diferentes melloras que se executaron durante os últimos meses

Reinauguración do campo municipal da Seca
Reinauguración do campo municipal da Seca

Os clubs deportivos de Poio recuperan un dos seus equipamentos máis senlleiros. O campo de fútbol da Seca reabriu este venres as súas portas tras a colocación do seu céspede sintético e as diferentes melloras que se executaron durante os últimos meses.

A inauguración estivo presidida polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e dos deputados provinciais de Deportes, Gorka Gómez, e de Infraestruturas, Gregorio Agís.

Nos traballos de mellora deste equipamento deportivo investíronse 415.715 euros, que foron financiados cunha achega da Deputación ao abeiro do Plan Concellos 2018.

A principal actuación na Seca foi a substitución do céspede natural por un sintético de maior resistencia e menor coste de mantemento.

Ademais, cambiouse tamén o sistema de rego e drenaxe, mellorouse a contorna do campo co pavimentado en formigón e a instalación dunha varanda no perímetro e se dotou ás instalacións de novos equipamentos como porterías, bandeiras de córner, dous bancos cubertos e un marcador electrónico. 

A realización destes traballos permitirá agora unha mellor coordinación na programación dos adestramentos e partidos federados ou de fútbol afeccionado entre este campo da Seca e o da Reiboa, onde xogan os nenos e nenas de fútbol base das escolas municipais de Poio, así como a Cultural de Poio e os equipos de veteranos.

Tras a mellora, poderán utilizarse de maneira simultánea ambas instalacións deportivas.