Poio protesta ante a Xunta pola supresión de prazas de servizos na avenida da Porteliña

Poio
24 de setembro 2020

A Concellería de Seguridade Cidadá de Poio vén de remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que recupere as prazas de estacionamento destinadas a servizos na Avenida da Porteliña. Neste punto, a Xunta habilitou unha parada de autobús, malia que a poucos metros xa existe unha zona destinada a este fin

Parada de autobús pintada pola Xunta na avenida da Porteliña
Parada de autobús pintada pola Xunta na avenida da Porteliña / Concello de Poio

A Concellería de Seguridade Cidadá de Poio vén de remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que recupere canto antes as prazas de estacionamento destinadas a servizos na Avenida da Porteliña.

Estas prazas para servizos foron suprimidas polo departamento dependente da Xunta hai unhas semanas na PO-308, á altura do núcleo de San Salvador, e no seu lugar habilitouse unha parada de autobús, malia que a poucos metros xa existe un espazo específico para as paradas dos autobuses, na mesma avenida da Porteliña.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, sinala que "non estamos en contra de que se pinte un espazo para buses, pero non pode ser a costa da supresión de prazas que eran moi utilizadas pola veciñanza e polos numerosos comerciantes e responsables de negocios que existen neste emprazamento".

Neste sentido, a edil do BNG denuncia que a Consellería de Infraestruturas levou a cabo esta actuación sen ningún tipo de comunicación previa nin ao Concello de Poio nin á cidadanía. "É certo que a estrada é de titularidade autonómica e, polo tanto, a Xunta pode actuar nela, pero non estaría de máis informar á xente e ao Concello cando se tome unha medida que deixa a tantos afectados e afectadas", indica a concelleira.

Marga Caldas conclúe sinalando que será o Concello quen asuma o repintado das prazas de servizos se a Xunta non atende a esta petición, que conta cos pertinentes informes policiais.