O Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, está a traballar para desenvolver un proxecto que servirá para recuperar a antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira.
O edil responsable deste departamento, Gregorio Agís, vén de tramitar unha solicitude para a obtención de fondos ‘Next Generation’, a través do Programa para la Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.
A actuación implicará unha completa renovación do emblemático inmoble, cuxa construción data da década dos 50 e que, logo de cesar a súa actividade como centro educativo, fixo as veces de local social para os colectivos desta parroquia.
Agís explica que esta liña de axudas, prevista para concellos de menos de 20.000 habitantes, “permite acometer proxectos de reforma cunha filosofía da mellora sostible de equipamentos de uso público e que supoña un aforro no consumo enerxético de, como mínimo, o 30 %, ao tempo que se redunda na consolidación da mobilidade e da accesibilidade”.
Todas estas cuestións téñense en conta na memoria descritiva da actuación que se pretende acometer na antiga escola infantil. O responsable de Promoción Económica e Urbanismo sinala que o proxecto contempla a rehabilitación e ampliación do edificio, que, grazas a esta obra, pasará a contar con envolvente térmica, unha mellor accesibilidade, aseos para persoas con problemas de mobilidade e novo sistema de calefacción e de iluminación. Neste último caso apóstase pola dotación de ‘led’ para reducir os custes do subministro nun 52 %, segundo consta nos informes técnicos.
O concelleiro socialista sinala que o proxecto foi presentado ante representantes do tecido colectivo de Samieira no seu momento. A obra está valorada en preto de 278.000 euros. A intención do Concello é acadar 158.480 euros a través do PIREP e asumir, con fondos propios, os 118.917 euros restantes.
“Con esta actuación o buscamos é habilitar un local totalmente renovado que sirva para activar a participación veciñal en Samieira, de xeito que o tecido asociativo pase a contar cunhas instalacións acordes para desenvolver actividades culturais, lúdicas e sociais que garantan a dinamización da contorna”, recalca Gregorio Agís, que sinala que a actuación conta con todos os informes e permisos sectoriais favorables e que estima que “en caso de conseguir a achega económica que precisamos a recepción da obra sería unha realidade no verán de 2024”.
Cómpre lembrar que este non é o único proxecto que está a ultimar a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo para Arén. O departamento municipal prevé investir máis de 350.000 euros na ampliación e mellora de servizos básicos neste lugar, ao tempo que se impulsa a accesibilidade e mobilidade sostible e consolidando o seu carácter como núcleo rural. Estes traballos financiaranse a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022.