Poio, próximo á metade da ocupación hoteleira en xullo grazas ás casas rurais

Poio
03 de agosto 2020

A ocupación sitúase no 47%, segundo os datos ofrecidos polo Concello de Poio. Un total de 2.435 persoas visitaron as oficinas de información turística do municipio. Os establecementos máis afectados pola crise son os que habitualmente traballan con grupos organizados

Turistas na contorna do Mosteiro de Poio
Turistas na contorna do Mosteiro de Poio / Concello de Poio

O índice de ocupación hostaleira en Poio ascendeu ao 47% na segunda quincena do mes de xullo, segundo os datos ofrecidos pola concelleira responsable de Turismo, Silvia Díaz, que sinalou que a baixada respecto a outros anos tamén se constatou en todos os niveis do campo turístico en Galicia.

Segundo o Concello de Poio, os establecementos que máis sufriron a crise de visitantes derivada da pandemia foron aqueles que traballan habitualmente con grupos organizados. Fronte a esta baixada rexistrouse un importante número de reservas nas casas rurais do municipio, que nalgúns casos superaba o 90%. 

Sobre todo, durante o mes de xullo rexistrouse a presenza de turismo nacional, sitúandose nun 90% as persoas procedentes do Estado. A concelleira espera que no mes de agosto, as cifras increméntense segundo as previsións do sector que se manexan. Atendendo aos primeiros días do mes, agárdase que a ocupación supere o 50%. Silvia Díaz apuntou que se están detectando reservas de última hora aínda que tamén algunha cancelación.

As oficinas municipais de turismo recibiron 2.435 visitas durante o mes de xullo para demandar información sobre a contorna. 899 rexistráronse na primeira quincena e 1.446 durante a segunda. Entre os visitantes, a concelleira destacou os 51 peregrinos que se desprazaron ata a Casa do Concello para selar a súa acreditación, na súa maioría procedentes de puntos como Madrid, Andalucía, Estremadura ou Euskadi.