Poio queda sen Entroido, cancelado pola covid-19

Poio
24 de xaneiro 2021

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, mantense en contacto con agrupacións e colectivos para impulsar iniciativas alternativas que "manteñan vivo o espírito e poñan en valor a historia e tradición" dun dos eventos más emblemáticos do municipio

Enterro do Galo Fodorico en Poio
Enterro do Galo Fodorico en Poio / Diego Torrado

A situación provocada pola expansión da pandemia da covid-19 impedirá que Poio poida gozar este ano dunha das súas celebracións máis emblemáticas. Non haberá Entroido 2021 que, en circunstancias normais, viviría as súas xornadas grandes a mediados do vindeiro mes de febreiro.

A edil de Cultura, Raquel Rodríguez, entende que "por moita dor que nos produza, é a decisión axeitada, porque no contexto no que nos atopamos a nivel xeral e, sobre todo, no noso municipio, é inviable poder desenvolver as actividades e eventos tan característicos destes festexos".

Así, o goberno municipal xa deu traslado da decisión a representantes dos diferentes colectivos e agrupacións do municipio, moitos dos cales participan cada ano na organización e animación de desfiles, concurso ou ‘enterros’.

Raquel Rodríguez agradece a súa comprensión, así como a da veciñanza, e expresa o seu desexo de que "o vindeiro ano, grazas ás vacinas e ao maior coñecemento que cada vez imos tendo máis polo miúdo da covid-19, poidamos celebrar o Entroido como merece".

Iso si, o Concello ten claro que a imposibilidade de desenvolver esta programación non quere dicir que o Entroido caia no esquecemento este ano. É por iso polo que a Concellería de Cultura xa está a traballar, en colaboración co tecido asociativo da vila, en propostas e iniciativas que axuden a poñer en valor o que sen dúbida é un dos Entroidos con maior tradición e importancia na comarca de Pontevedra.

Neste sentido, Raquel Rodríguez avanza que xa se está traballando na posta en marcha de alternativas "que axuden a manter vivo o espírito do noso Entroido, á vez que poñemos en valor a súa historia e tradición, así como a súa gastronomía". Para iso, apostarase por fórmulas telemáticas e on line.