Poio quere incorporar unha pista multideporte na área recreativa de Vilariño

Poio
19 de novembro 2024

Neste terreo de máis de 1.700 metros cadrados o Concello de Poio planea crear unha pista multideporte que ofreza un espazo versátil para a práctica de fútbol sala, balonmán ou baloncesto

O alcalde de Poio asina a compra de terreos en Vilariño
O alcalde de Poio asina a compra de terreos en Vilariño / Concello de Poio

Unha parcela situada no centro de Vilariño servirá para ampliar as áreas recreativas e de lecer dispoñibles neste lugar. Os terreos xa foron adquiridos polo goberno municipal.

Trátase dun terreo na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro, o que facilita o acceso seguro e cómodo dende diversas zonas residenciais próximas.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, considera que este é o primeiro paso para facer realidade unha demanda veciñal "despois de dúas décadas de incumprimentos".

Así, explica que neste terreo de máis de 1.700 metros cadrados o Concello de Poio planea ampliar a área recreativa.

A intención é crear unha pista multideporte que ofreza un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de fútbol sala, balonmán ou baloncesto.

Esta actuación, segundo Moldes, permitirá dar resposta á crecente demanda da veciñanza do municipio, "que reclama espazos novos para socializar e practicar deportes ao aire libre", ampliando así as opcións de lecer para toda a poboación.

"A veciñanza de Vilariño leva moito tempo esperando por novas infraestruturas lúdicas e moi pronto este proxecto xa vai ser unha realidade", destacou o alcalde.

O renovado espazo englobará esta pista deportiva e a área recreativa co muíño, co lavadoiro e co parque infantil, facendo que Vilariño conte con máis espazos de lecer.