Poio readáptase ás restricións

Poio
26 de xuño 2021

Tal e como anunciou a Xunta tras a última reunión do Comité Clínico, o Concello de Poio entrou este sábado 26 de xuño no nivel medio de restricións, con medidas como a redución de aforo nos locais de hostalería

Terraza en Poio no primeiro día no nivel medio de restricións
Terraza en Poio no primeiro día no nivel medio de restricións / Cristina Saiz

O Concello de Poio amenceu este sábado 26 de xuño no nivel medio de restricións, tal e como decidiu na súa última reunión o Comité Clínico da Consellería de Sanidade.

Aínda que a primeira ollada isto non supoña cambios en moitos aspectos, coa mobilidade permitida e este sábado ata sen a necesidade de portar máscara en espazos abertos se se mantén a distancia de seguridade, o certo é que son varias as restricións que se implementaron.

Unha das máis visibles é a redución de aforos nos locais de hostalería, que pasou a ser do 30% no interior e do 50% nas terrazas.

Ademais o aforo nas instalacións deportivas, bibliotecas e centros culturais queda reducido tamén ao 30%.

En canto ás reunións, permítense encontros de ata 6 persoas en espazos pechados e de quince ao aire libre.

Segundo os datos trasladados este 26 de xuño polo Concello, Poio conta actualmente con 30 casos activos de covid no municipio, o que supón un incremento de tres con respecto ao venres.