O Concello de Poio xa ten no seu poder o borrador definitivo do primeiro Inventario Municipal de Camiños.
Trátase, asegura o goberno local, dunha ferramenta clave que estará a disposición de técnicos e veciños para coñecer con precisión a rede viaria pública do municipio.
Explica o Concello que os técnicos da empresa 'PROCAT Ingeniería y Medioambiente' instalaron a versión provisional do documento para a súa revisión e uso en probas por parte dos responsables e técnicos municipais, entregando ademais copias do documento en versión impresa ao alcalde, Ángel Moldes, á concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, e aos distintos departamentos.
Este inventario será agora presentado para a súa aprobación inicial polo pleno da coorpación e, posteriormente, someterase á fase de exposición pública para que todos os veciños poidan revisar o documento e presentar alegacións se o consideran oportuno.
O borrador do primeiro Inventario Municipal de Camiños supuxo meses de traballo para recompilar documentación histórica e técnica, elaborar planos ou analizar a cartografía, ademais de reunións cos traballadores municipais e traballos de campo nos que se tiveron en conta as dúbidas e peticións trasladadas pola veciñanza.
Unha vez examinado o documento o alcalde, Ángel Moldes, expresou a súa satisfacción por poder dispor dunha ferramenta "tremendamente útil para todos", xa que permitirá saber con claridade cales son os camiños públicos para así poder planificar con garantías, tanto desde a administración como por parte de particulares ou empresas.
O inventario inclúe unha ficha individualizada de cada camiño con fotografías, planos, coordenadas xeográficas e información legal asociada.
Toda esta información acabará sendo accesible para os veciños, con utilidades como xeración de informes, documentación e planos.
"Que un camiño sexa público ou non é a diferenza entre poder construír unha vivenda ou non, ou entre desenvolver un proxecto ou non facelo", destacou o alcalde sobre unha ferramenta que cualificou de "útil, accesible e transparente".