Poio reclama á Xunta a mellora da PO-308 tras rexistrase 209 accidentes no ano pasado

Poio
27 de febreiro 2023
Actualizado: 18:23

A media de sinistros nos últimos seis anos supera a cifra de 190, tal e como se recolle nun informe elaborado pola Policía Local

Marga Caldas e Raquel Rodríguez, en Combarro
Marga Caldas e Raquel Rodríguez, en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio reclama á Xunta a mellora da PO-308 tras rexistrase no ano pasado máis de 200 accidentes, segundo informou este luns a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, nunha comparecencia este luns en Combarro para analizar o alto índice de sinistros que rexistra este vial ao seu paso polo municipio.

A concelleira presentou un informe elaborado pola Policía Local, no que se constata que 2022 foi o peor ano en canto a número de accidentes, feridos e falecidos desde 2017. 

A edil sinalou que destes máis de 200 accidentes de todo tipo, a meirande parte só provocaron danos materiais, e que rexistráronse 69 feridos de carácter leve, tres de gravidade e outros tres falecidos.

Sobre este último punto, Caldas puntualizou que dous destes falecementos tiveron lugar en tramos urbanos da vía de titularidade da Xunta de Galicia, na avenida de Andurique e en na de San Xoán. 

O terceiro accidente mortal do 2022 tivo lugar no Covelo, na parroquia de Samieira, se ben aí as dilixencias foron responsabilidade da Garda Civil de Tráfico.

A concelleira de Seguridade Cidadá definiu como "alarmantes e moi preocupantes" estes datos, "que deixan claro que a PO-308 está lonxe de ser unha vía segura". 

Para Marga Caldas as obras executadas pola Consellería de Infraestruturas no tramo da PO-308 ao seu paso por Poio son "insuficientes" e lamenta "a dobre vara de medir" da Xunta de Galicia xa que "nestes seis anos, mentres que en Sanxenxo a PO-308 xa está totalmente reformada ou executándose grandes actuacións" en Poio algúns dos puntos máis conflitivos como o centro de San Salvador, entre A Barca e A Porteliña, o núcleo de Combarro ou San Xoán "seguen a ser puntos negros polo elevado número de sinistros que se rexistran", recalcou a edil nacionalista.

Precisamente, a Avenida da Cruz e a Avenida da Costa, en Combarro, son dous dos lugares nos que a Policía Local constata un maior número de accidentes. 

A XUNTA LAMENTA A "ESCASA COLABORACIÓN" DO CONCELLO

Horas despois da rolda de prensa, a Xunta de Galicia respondeu ás críticas emitidas por Marga Caldas e lamentou que a "única contribución" municipal á mellora da estrada PO-308 sexa "criticar e entorpecer" as actuacións que está a desenvolver a Xunta.

A este respecto, recordan que se están a executar nestes momentos obras para o fomento da mobilidade sostible no treito entre Fontenla e Combarro (1,7 millóns) ou que está xa rematado o itinerario entre O Covelo e Raxó ou a mellora ata A Granxa (4 millóns).

A estas obras sumarase un novo itinerario peonil e ciclista entre Combarro, Chancelas e Samieira, que está actualmente en tramitación.

Na execución destas actuacións, a Xunta denuncia a "escasa colaboración" por parte do Concello, "que non puxo a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as intervencións e non plantexando colaboracións coa Xunta", como si fixo Sanxenxo no seu municipio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora