O Concello de Poio, a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, realizará obras para recuperar a contorna tradicional e mellorar a mobilidade peonil entre Combarro e San Xoán.
Será, concretamente, nas rúas Cela e O Padrón, en Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, onde executará unha actuación integral coa que busca mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de crear novas zonas de comunicación con Combarro de forma máis segura e como alternativa á PO-308.
O proxecto, que conta cun investimento de máis de 720.000 euros, permitirá transformar estas rúas en espazos máis accesibles e seguros, eliminando barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única.
Ademais, renovarán o pavimentado e dotarán a zona de novos servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministracións e sinalización.
Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro e contan con gran interese tanto veciñal como turístico, ao situarse xunto ao centro histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago.
É por iso, que a actuación tamén contempla a mellora do acceso á praia do Padrón e a posta en valor do patrimonio cultural da zona, utilizando materiais sensibles coas contornas tradicionais.
Unha vez conseguidos os fondos, o goberno local xa traballa na redacción dos pregos de contratación para iniciar as obras canto antes.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.