Poio reduce lixeiramente a alerta e pasa a nivel laranxa mentres 6 concellos da área sanitaria permanecen en vermella

Pontevedra
31 de outubro 2020

En Poio hai este sábado 52 casos activos, a mesma cifra do venres. En Pontevedra, hai 346 persoas coa infección activa, nove menos que o venres. Marín ten 68 contaxiados, tres máis que o venres. En Vilagarcía de Arousa hai 77 casos activos, sete máis que o venres   

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 31 de outubro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 31 de outubro / Sergas

Seis concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés permanecen este sábado no nivel vermello por contaxios de covid-19 nos últimos 7 días, o nivel máis alto dos niveis de risco valorados pola Xunta de Galicia e que significa preocupación máxima pola expansión da enfermidade. Supón unha localidade menos da lista ao caer ao nivel dous ou laranxa Poio. 

No caso de Poio, segundo os datos oficiais facilitados pola Consellería de Sanidade ao Concello, hai este sábado 52 casos activos, a mesma cifra do venres. Desta forma, ao non aumentar os positivos na última xornada, e tras unha baixada do xoves ao venres no número casos, logra baixar a nivel laranxa, aínda que non significa que a preocupación desapareza. 

De feito, leste mesmo venres a Xunta acordou a medida excepcional de proceder ao peche perimetral de Poio con Pontevedra e Marín pola alta incidencia da covid-19 nos tres municipios. 

Con Poio en nivel laranxa, permanecen en nivel vermello Pontevedra, Marín, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Cambados e Ribadumia, seis concellos que xa estaban nesta mesma situación o venres. 

No caso de Pontevedra, este sábado hai 346 persoas coa infección activa nestes momentos, nove menos que o venres. 

Marín, pola súa banda, ten 68 contaxiados nestes momentos, tres máis que o venres.

En Vilagarcía de Arousa, hai 77 casos activos este sábado, sete máis que o venres, segundo os datos facilitados por  Sanidade ao  Concello.

No nivel de alerta laranxa, ademais de Poio, están O Grove e Cerdedo-Cotobade. O Grove pasou do nivel amarelo do venres ao laranxa mentres que Cerdedo-Cotobade mantense sen cambios. 

Si houbo variacións en Cuntis, que baixou de nivel laranxa a amarelo, o máis baixo dos contemplados por Sanidade.

En nivel amarelo, a maiores de Cuntis, están Caldas de Reis, Sanxenxo, Bueu e Vilanova de Arousa. Todos estaban  xa o venres nesta mesma situación e no caso de Vilanova hai 27 casos activos, os mesmos que o venres.

O resto dos municipios da área sanitaria mantéñense no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete positivos en covid-19 no últimos sete días.