As Xornadas sobre Frei Martín Sarmiento organizadas pola Irmandade Illa de Tambo en colaboración co Concello de Poio reivindicaron esta fin de semana o legado do Padre Sarmiento e o seu vínculo co municipio, en especial coa Illa de Tambo.
Contaron coa participación de preto de 200 persoas, que conmemoraron o paso do benedictino por Poio camiño a Compostela en setembro de 1745.
As xornadas comezaron o venres no Casal de Ferreirós, cunha charla a cargo do escritor e filósofo Marcelino Agís titulada 'O Padre Sarmiento e Tambo: as viaxes dun frade ilustrado', na que o catedrático e decano da Facultade de Filosofía na Universidade de Santiago, debullou a traxectoria de Sarmiento e a súa especial relación con Tambo, á que visitou en distintas ocasións e á que se referiu varias veces nos seus escritos.
Este sábado pola mañá pola súa banda as xornadas pecháronse cunha visita guiada á propia illa, na que os participantes a percorreron seguindo as anotacións realizadas polo frade no seu diario de viaxe hai case 300 anos.
A visita finalizou co descubrimento dunha placa conmemorativa da presenza de Sarmiento en Tambo nun pequeno acto onde se reivindicou a súa figura.
"Hoxe, case tres séculos despois, volve a Tambo para quedar", resaltou en representación do goberno local a concelleira Rocío Cochón satisfeita pola oportunidade de unir dous "tesouros do patrimonio de Poio", como son a Illa de Tambo e o legado do Padre Sarmiento, en particular a Variante homónima do Camiño de Santiago.