Os máis de 450 contedores verdes, para os residuos da fracción resto, que hai en Poio van a ser renovados nos próximos días. O Concello recibiu esta semana os novos depósitos.
Son contedores, segundo destaca o goberno municipal, cunhas especificacións técnicas de maior durabilidade e resistencia e máis accesibles.
Os recipientes comezarán a substituírse de forma gradual nos vindeiros días, o que repercutirá "nun mellor servizo e en garantir un entorno máis limpo", afirma o alcalde, Ángel Moldes.
Ademais da renovación dos contedores, a empresa concesionaria do servizo, Valoriza, tamén está a renovar a súa flota de vehículos e equipos de limpeza.
Esta renovación incluirá catro furgonetas para servizos comúns e limpeza viaria, un camión de carga lateral e outro con grúa e plataforma, catro carros portacubos e papeleiras, rozadoras e soplantes para a limpeza viaria.

Está previsto tamén incorporar nos próximos días tamén unha varredora e un camión de gran capacidade para reforzar aínda máis o servizo.
Moldes salientou que o Concello logrou que a empresa concesionaria amplíe e mellore de forma significativa as condicións do contrato de limpeza e recollida de lixo asinado en 2017, sen que iso supoña un aumento de custo para as arcas municipais.
Así, grazas ás negociacións realizadas, mellórase a frecuencia de recollida de distintos residuos respecto ao estipulado no contrato vixente.
A recollida de cartón, que inicialmente se realizaba cada quince días, pasa a facerse semanalmente e, durante o verán, dúas veces por semana.
O mesmo ocorre coa recollida de vidro, que tamén se intensifica: agora faise unha vez á semana e, no caso de Combarro, incluso dous días por semana.
No referente aos residuos voluminosos e aos depósitos incontrolados, a situación tamén mellora. Se antes se recollían voluminosos cada quince días e incontrolados seis veces ao ano, actualmente faise unha recollida case diaria, dando resposta ás necesidades da veciñanza.
Nas zonas máis rurais, aínda que non está recollido no contrato, o Concello tamén conseguiu que a empresa actúe de maneira máis flexible, retirando o lixo cando se detectan contedores cheos ou desbordados.
A limpeza durante as festas tamén se reforza. O contrato inicial contemplaba só seis eventos ao ano, pero agora o servizo esténdese a todas as celebracións que teñen lugar no municipio, incluídas aquelas organizadas polas comisións de festas.
En canto á atención á hostalería en Combarro, a recollida, que nun principio só estaba prevista para o peirao vello, amplíase a máis zonas e con maior frecuencia.
Agora chega a realizarse dous días por semana durante o verán, tanto en horario de mañá como despois das comidas, a maiores do servizo de recollida porta a porta para os veciños, mellorando así a comodidade e eficacia do sistema.
E no caso das papeleiras das praias, a recollida, que ata agora era diaria, refórzase engadindo un segundo pase polas tardes e outro os domingos pola mañá.
Tamén se intensificaron os traballos de baldeo de alta capacidade, que agora abranguen novas zonas da estrada xeral, así como limpeza dos contedores seis veces ao ano.